Thursday 28 de March de 2024

A Xunta inviste en Oleiros preto de 686.000 euros en políticas sociais básicas como Axuda no Fogar, Risga e o Plan Concertado


O municipio conta na actualidade con 349 prazas públicas para maiores e 277 para atención a persoas con discapacidade, todas financiadas polo Goberno galego

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá a residencia pública da Terceira Idade de Oleiros, onde tivo a oportunidade de compartir uns minutos cos usuarios e co persoal laboral que desenrola o seu traballo nestas dependencias, de titularidade autonómica. Rodeiro aproveitou a ocasión para reiterar o compromiso da Xunta coas persoas maiores e, en especial coas que se encontran nunha situación de dependencia e teñen menos recursos. Lembrou, ademais, o plan director aprobado para a construción de sete novas residencias para maiores, unha en cada gran cidade de Galicia, entre elas, a da Coruña.

O delegado territorial apuntou que o programa “Como na casa” é un obxectivo de lexislatura que contempla a entrada en servizo de máis de 900 prazas residencias distribuídas entre os sete novos fogares de maiores que se propoñen construír. A finalidade é garantir a atención, de maneira prioritaria, aos maiores dependentes aumentando a oferta residencial naqueles lugares onde se concentra a demanda.

Reiterou que “a Xunta teima en defender os intereses das persoas maiores a través de diferentes programas como o servizo de axuda a domicilio e outras prestacións para a atención a persoas dependentes, a promoción do voluntariado social, iniciativas de carácter interxeracional ou a rede de prazas en centros residencias, de día e vivendas tuteladas”.

O Goberno galego, a través da Consellería de Política Social, investiu o ano pasado preto de 332.000 euros a través do Servizo de Axuda no Fogar para dependentes, que sumados aos 124.000 euros aportados a través do Plan Concertado e dos 230.000 destinados aos 45 beneficiarios da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) fan un total de preto de 686.000 euros en políticas sociais básicas.

A estas cantidades hai que sumarlles 52.500 euros en prestacións por fillo a cargo, 36.300 euros en programas de Xuventude ou mesmo os preto de 567.000 euros da reforma do chan de enfermería que se están a levar a cabo na propia residencia oleirense. Ovidio Rodeiro recordou que a Xunta consolidou o complemento ás pensións non contributivas do que se beneficiaron este ano ao redor de 40.000 maiores, sendo Galicia unha das únicas catro comunidades autónomas que manteñen este complemento.

Nos últimos anos o compromiso da Consellería de Política Social con Oleiros quedou manifesta en actuacións a posta en marcha da escola infantil A Canteira (797.000 euros) ou a apertura dun centro de día que ofrece 80 prazas para outros tantos usuarios (1,4 millóns de euros).

O delegado territorial indicou que “a política social ten unha complexidade técnica e unha complexidade afectiva moi superior á política económica, urbanística ou do medio ambiente” e mostrou a vontade da Xunta de “traballar diaria e permanentemente cos máis necesitados, e de manter contacto con todos os colectivos, asociacións ou centros que fan un labor máis que indispensable”.